Difference between revisions 3133590 and 3133591 on glwiki

{{Copyvio|http://arquivosdegalicia.xunta.es/portal/arquivo-de-galicia/content/el-archivo/index.html}}

O '''Arquivo de Galicia''' custodia os documentos producidos pola [[Xunta de Galicia]], desde que foi creada en 1982, e polos órganos e entidades dela dependentes, así como outros de calquera procedencia que, polo seu ámbito e interese, se lle poidan asignar. É cabeceira do Sistema de Arquivos de Galicia, polo que simboliza a unidade do patrimonio documental de [[Galicia]]. Este patrimonio comprende unha porción notable da súa cultura escrita e caracterízase, entre outros aspectos, pola súa calidade, antigüidade, diversidade, invisibilidade e dispersión.

Depende organicamente da Subdirección Xeral de Arquivos, dentro da Secretaría Xeral de Cultura da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e abriu as súas portas a finais de 2010.

Ten a súa sede na [[Cidade da Cultura de Galicia]], situada no monte Gaiás de [[Santiago de Compostela]].

==Historia== 

{{Copyvio|http://arquivosdegalicia.xunta.es/portal/arquivo-de-galicia/content/fondos/}}
En febreiro de 2008 créase a Subdirección Xeral do Arquivo Nacional de Galicia<ref>Decreto 17/2008, do 7 de febreiro (DOG núm. 35, do 19 de febreiro).</ref>, coa finalidade de exercer as funcións de centro de referencia do Sistema de Arquivos de Galicia e de arquivo histórico do Subsistema de Arquivos da Xunta de Galicia. Como consecuencia da reestruturación da Xunta de Galicia, en xuño de 2009, asignáronselle estas funcións ao Servizo do Subsistema de Arquivos da Comunidade Autónoma, dependente da Subdirección de Arquivos e Museos, dentro da Dirección Xeral de Patrimonio Culturalo<ref>Decreto 337/2009, do 11 de xuño, polo que se desenvolve a estrutura orgánica da Consellería de Cultura e Turismo (DOG núm. 125, do 29 de xuño).</ref>. A creación oficial do arquivo tivo lugar en decembro de 2010<ref>Decreto 207/2010, do 10 de decembro, (DOG núm. 246, do 24 de decembro).</ref>.

O Arquivo Xeral da Administración da Xunta, unidade administrativa que viña exercendo desde 1996<ref>Decreto 256/1996, do 20 de xuño, de desenvolvemento da estrutura orgánica da Consellería de Cultura e Comunicación Social (DOG núm. 125, do 26 de xuño).</ref> as funcións de recepción e tratamento documental da documentación producida e acumulada polas consellerías e outros órganos dependentes da Xunta de Galicia, pasou a integrarse no Arquivo de Galicia, ao que se adscriben tamén os seus medios persoais e materiais.

No ano 2011 volveuse reestruturar a [[Consellería de Cultura e Turismo]]<ref>Decreto 3/2011, do 13 de xaneiro (DOG núm. 17, do 26 de xaneiro).</ref>. A Subdirección Xeral de Arquivos e Museos transformouse en Subdirección Xeral de Arquivos e pasou a depender da Dirección Xeral do Libro, Arquivos e Bibliotecas, con dous servizos: o do Arquivo de Galicia e o do Sistema de Arquivos. De forma expresa, sinálase que lle corresponde a esta subdirección xeral a dirección técnica do Arquivo de Galicia.

A comezos de 2012, a reestruturación da Xunta de Galicia, que supuxo a unión das consellerías de Cultura e de Educación no novo departamento de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, adscribiu o Arquivo de Galicia-Subdirección Xeral de Arquivos á Secretaría Xeral de Cultura<ref>Decreto 45/2012, do 19 de xaneiro (DOG núm. 16, do 24 de xaneiro; corrección de erros DOG núm. 25, do 6 de febreiro).</ref>.

==Funcións==
[[Ficheiro:Interior del Archivo de Galicia1..jpg|miniatura|Interior do Arquivo de Galicia.]]

Estas normas asígnanlle ao Arquivo de Galicia un papel fundamental na infraestrutura que debe servir para asegurar o mellor funcionamento da Administración pública de Galicia, de acordo cos principios de eficacia, eficiencia e transparencia, ligando os seus fins cos conceptos de conservación permanente e de acceso aos documentos públicos.

O Arquivo de Galicia exerce as funcións de centro de referencia do Sistema de Arquivos de Galicia e arquivo intermedio e histórico do Subsistema de Arquivos da Xunta de Galicia, e como tal ten o deber de conservar, difundir e acrecentar o patrimonio documental de Galicia. En concreto, ten encomendadas as seguintes competencias:

*Recibir os documentos procedentes dos diferentes órganos da Xunta de Galicia ou das entidades públicas dependentes dela cun ámbito territorial superior a unha provincia.
*Recibir os documentos procedentes de organismos, institucións e entidades públicas de ámbito autonómico dependentes da Xunta de Galicia que fosen suprimidos, con independencia da súa antigüidade, e calquera outro fondo de carácter público ou privado de interese xeral para a comunidade autónoma que se acorde depositar nel.
*Programar, coordinar e dirixir a identificación, valoración e selección documental de todos os arquivos do Subsistema de Arquivos da Xunta de Galicia.
*Organizar e describir os fondos documentais que custodie.
*Conservar os fondos documentais que custodie.
*Coordinar os programas de reprodución con fins de conservación de fondos do patrimonio documental de Galicia.
*Facilitar o acceso aos documentos que custodie e á información contida neles, nos termos que establece a lexislación. 
*Difundir por calquera medio os fondos documentais que custodie e, en xeral, o patrimonio documental de Galicia.
*Establecer e desenvolver normas técnicas arquivísticas para o Sistema de Arquivos de Galicia.
*En xeral, calquera outra función que lle sexa encomendada por razón da súa competencia.

==Contexto cultural e xeográfico==
Desde a perspectiva das funcións que desempeña como arquivo administrativo, a maior parte dos documentos que custodia teñen a súa orixe nas actividades desenvolvidas polos órganos da Xunta de Galicia (ou os órganos que a antecederon) no seu nivel central, polo que o seu ámbito xeográfico comprende toda a comunidade autónoma.

Como arquivo histórico, a súa finalidade é garantir a conservación permanente e facilitar o acceso aos documentos que integran o patrimonio documental galego. Neste sentido, o arquivo simboliza a unidade do patrimonio documental da comunidade galega. Por iso, deberá non só recibir, custodiar e difundir os documentos que posúan valor histórico e sexan de conservación permanente producidos polos diferentes órganos e entidades dependentes da Xunta de Galicia, senón tamén os de calquera outro organismo, institución ou entidade de ámbito autonómico, privado e público que, como parte do patrimonio documental de Galicia, se acorde depositar nel pola súa especial relevancia ou por motivos de racionalización financeira e eficacia administrativa.

Ademais, deberá coordinar a reprodución, con fins de conservación, seguridade e difusión dos fondos documentais constitutivos do patrimonio documental de/ou relacionados con Galicia que se atopen dentro ou fóra do seu territorio. 

==Atribucións/fontes legais==
* Lei 8/1995, do 30 de outubro, do patrimonio cultural de Galicia (DOG núm. 214, do 8 de novembro).
* Decreto 307/1989, do 23 de novembro, polo que se regula o sistema de arquivos e o patrimonio documental de Galicia (DOG núm. 23, do 1 de febreiro).
* Decreto 207/2010, do 10 de decembro, polo que se crea o Arquivo de Galicia (DOG núm. 246, do 24 de decembro).
* Orde do 30 de agosto de 2010 pola que se establecen as normas para a realización de transferencias documentais con destino aos arquivos dependentes da Xunta de Galicia (DOG núm. 174, do 9 de setembro).
* Orde do 31 de agosto de 2010 pola que se establecen as normas para a consulta e a reprodución dos documentos nos arquivos propios e xestionados pola Xunta de Galicia (DOG núm. 175, do 10 de setembro).
* Orde do 1 de setembro de 2010 pola que se establecen as normas para a realización de préstamos de documentos entre os arquivos propios e xestionados pola Comunidade Autónoma e as oficinas da Xunta de Galicia (DOG núm. 174, do 9 de setembro).
* Decreto 219/2011, do 17 de novembro, polo que se fixan os prezos públicos e as normas dos servizos de reprodución prestados nos arquivos xestionados pola Xunta de Galicia (DOG núm. 229, do 30 de novembro). 

==Edificios==
O Arquivo ten a súa sede na Cidade de Cultura de Galicia, proxectada polo arquitecto americano [[Peter Eisenman]]. Este complexo articúlase a través dunha trama de rúas, soportais, xardíns e prazas inspirada na zona histórica da cidade de Santiago de Compostela, declarada [[Patrimonio da Humanidade|Patrimonio Cultural da Humanidade]] pola [[UNESCO]] en 1985. Na actualidade, o Arquivo comparte edificio coa [[Biblioteca de Galicia]].

Ademais deste espazo na Cidade da Cultura, o arquivo conta tamén con outro local, situado no polígono industrial do Tambre, integrado por dúas naves, equipadas con andeis a dobre altura, destinadas a depósito documental de carácter intermedio. As cifras totais ofrecidas inclúen os documentos alí custodiados na actualidade.

==Fondos==



===Fondos públicos (1843/2011)===
* Da Xunta de Galicia: documentos procedentes das diferentes consellerías en que se estrutura a Administración autonómica, así como dos órganos da etapa preautonómica e dos órganos da Administración periférica do Estado que exerceron competencias logo asumidas pola Xunta de Galicia.
* Da Administración corporativa: Cámara Oficial da Propiedade Urbana de Santiago de Compostela.

===Fondos privados (1404/2003)===
* De persoas e familias: [[Clemente González Peón]], familia Vilariño Pintos, familia Freire, familia Cervela Lira, Olga González Gallego.
* De empresas: Factoría Massó de Gijón (Asturias), Casa do Mar (Vigo).

==Notas==
{{listaref}}

==Véxase tamén==
{{Commonscat|Arquivo de Galicia}}
===Bibliografía===
* ''Arquivo de Galicia. Cidade da Cultura de Galicia''. Santiago de Compostela: Xunta de Galicia, 2010 (Políptico).
* Subdirección Xeral de Arquivos e Museos. ''Estudo orgánico e funcional da Xunta de Galicia: proposta dun cadro de clasificación''. Santiago de Compostela: Xunta de Galicia, 2010.
* Arquivo de Galicia. ''Actas do Seminario Internacional "O futuro da memoria, o patrimonio arquivístico dixital" = Actas del Seminario Internacional "El futuro de la memoria, el patrimonio archivístico digital"''. Santiago de Compostela: Xunta de Galicia, 2011.
* ''Guía dos Arquivos da Xunta de Galicia''. Santiago de Compostela: Xunta de Galicia, 2012.
* ''Guía de los Archivos de la Xunta de Galicia''. Santiago de Compostela: Xunta de Galicia, 2012.
* María Del Mar García Miraz, Gabriel Quiroga Barro ''O Arquivo de Galicia e o patrimonio documental de procedencia privada: os arquivos familiares'' Boletín auriense, Tomo 41-42 (547-576), 2011-2012.
===Ligazóns externas===
* [http://arquivosdegalicia.xunta.es/portal/arquivo-de-galicia/ Sitio web oficial do Arquivo de Galicia]
* [http://albala.arquivodegalicia.xunta.es/albala/opw/index.html Acceso á base de datos de fondos do Arquivo]
* [http://arquivosdegalicia.xunta.es/portal/arquivos-de-galicia/index.html Portal de Arquivos de Galicia]
* [http://censoarchivos.mcu.es/CensoGuia/portada.htm Ministerio de Educación, Cultura y Deporte. Censo Guía de Archivos de España e Iberoamérica]

[[Categoría:Arquivos]]
[[Categoría:Cidade da Cultura de Galicia]]