Revision 2452180 of "Leopoldo Nóvoa" on glwiki

[[Ficheiro:Escultura Riveira Leopoldo Novoa.jpg|miniatura|Escultura en [[Ribeira]].]]
'''Leopoldo Nóvoa García''', nado en [[Salcedo, Pontevedra|Salcedo]] ([[Pontevedra]]) o [[17 de decembro]] de [[1919]] e falecido en [[París]] o [[23 de febreiro]] de [[2012]], foi un pintor e escultor galego.

==Traxectoria==
Fillo dun diplomático, aos sete anos realiza a súa primeira viaxe a América, onde comeza a debuxar, pintar e modelar. Regresa a [[Galicia]] en [[1929]], onde inflúe nos movementos artísticos dos anos da [[Segunda República Española|República]], e en [[1938]] a súa familia trasládase novamente a América, para residir en [[Uruguai]] ata [[1947]], cando marchan a [[Bos Aires]]. Alí, con viaxes constantes por todo o continente, o artista vive ata que en [[1965]] se traslada a [[París]], onde traballará intensamente, aínda que pasa longas tempadas na paz de Armenteira, preto de Pontevedra.

As exposicións sucédense, desde [[1953]], en [[Bos Aires]], [[Nova York]], [[Punta do Leste]], [[Montevideo]], [[Dublín]], [[Madrid]], [[Italia]], [[Bélxica]], [[París]], [[Lima]], [[Bogotá]], [[Quito]] e en [[Vigo]] e outras cidades de Galicia. Participou en colectivas en todo o mundo, sempre como nome destacado dunha '''tendencia informalista''', absolutamente conceptual, na que hai un afán de identidade entre espazo e tempo.

Está representado en museos de arte contemporánea de todo o mundo e en grandes institucións. Nóvoa realizou enormes murais, algúns de dimensións excepcionais, e ten unha gran cantidade de obras integrada en arquitectura, en [[Uruguai]], España ou [[Francia]].

[[Ficheiro:Escultura de Leopoldo Novoa en Ribeira.jpg|miniatura|Escultura de Leopoldo Nóvoa en [[Bretal, Olveira, Ribeira|Bretal]].]]
Leopoldo Nóvoa identifícase dalgún xeito cos modos do arxentino [[Lucio Fontana]]. Con frecuencia adhire obxectos corpóreos aos seus cadros como cordas, cartóns e tecidos. A súa gama é neutra, case monocroma. Hai unha execución impecable na súa expresión plástica -chamala exclusivamente pintura sería limitala-. É un mundo de silencios, de suxestións infinitas, sempre nunha plasticidade namorante. A superficie das súas teas aparece agredida, hai arestas emerxentes nunha superficie neutra, gris ou terrosa; uns grumos sobre un fondo como aceirado.

Esta expresión plástica é consecuencia dunha longa evolución simplificadora, que parte dun [[expresionismo]] intenso, emparentable con algúns modos do gran uruguaio [[Torres García]], aínda que tamén recorda a [[Bracque]] e a [[Picasso]], e en certos momentos a [[Luís Seoane]]. Na época intermedia, xa considerablemente informalista, hai algunhas paisaxes con referencias vagas fantasmagorizadas, e algunha figura que recorda a [[Kirchen]]. Todo isto indica que a carreira de Nóvoa é razoante, reflexiva, de lenta evolución ata a súa última tendencia, encadrable no que [[Carlos Areán]] definiu como «escultopintura», aínda que Nóvoa é fundamentalmente un plástico e un pintor que crea mundos propios, de beleza fascinadora e preocupante.

Faceta non esquecible da súa obra é a de escultor, de identidades con [[Brancusi]] e co inicial [[Oteyza]]. Todos os materiais -ferro, bronce, pedra, chatarra- son válidos para a expresión do artista.

==Véxase tamén==
===Bibliografía===
*Sobrino Manzanares, Mª Luisa: Catálogo del Patrimonio artístico de la Diputación de La Coruña. A Coruña, Deputación, [[1991]].
*Seoane, Xavier: Nóvoa. A Coruña, Ayuntamiento, [[1989]]. Colección Arte Galega. A Coruña, Xunta de Galicia, [[1989]].
*Logroño, Miguel: Nóvoa. Vigo, Editorial Galaxia, [[1977]].
*Un siglo de pintura gallega [[1880]]/[[1980]]. Buenos Aires, Museo Nacional de Bellas Artes, [[1984]].
*Novoa. Exposición antológica. Vigo, Caja de Ahorros Municipal de Vigo, [[1985]].
*Pablos, Francisco: Plástica gallega. Vigo, Caja de Ahorros Municipal de Vigo, [[1981]].
*Vangardas e silencios. Compostela, [[Xunta de Galicia]], [[1978]].

===Ligazóns externas===
*[http://www.coleccioncaixanova.com/cargador.php?phpg_idap=1008&phpg_ctp=2&phpg_id=32 Obras do autor na Colección Caixanova]
*[http://medias.farodevigo.es/documentos/2012-04-04_DOC_2012-03-04_23_37_58_estela.pdf ''Vivir con un genio''], reportaxe en ''Estela'', revista dominical de [[Faro de Vigo]] {{es}}.
{{DEFAULTSORT:Novoa Garcia, Leopoldo}}

[[Categoría:Pintores de Galicia]]
[[Categoría:Medallas Castelao]]
[[Categoría:Nados en Pontevedra]]
[[es:Leopoldo Nóvoa]]