Revision 13340 of "Acordo de Goberno BNG e PSdeG (2005)" on glwikisource__NOTOC__
{{encabezar
|nome={{PAGENAME}}<br>Acordo sobre bases programáticas para a acción da Xunta de Galicia que asinan os grupos políticos PSdeG-PSOE e BNG
|autor=[[Bloque Nacionalista Galego|BNG]] e [[Partido dos Socialistas de Galicia|PSdeG]]
|datames=xullo
|datadía=23
|dataano=[[2005]]
}}
<div class=prose>
==Limiar==
As eleccións ao Parlamento de Galicia celebradas o pasado 19 de xuño significaron unha nova maioría electoral e parlamentaria que fai posible un cambio político en Galicia baseado nun programa de goberno conxunto.
Galicia tivo unha oportunidade, axiña tronzada, de ter institucións de autogoberno en data tan temperá como 1936. Foi unha das nacionalidades históricas, así sentida tanto polos cidadáns deste país como polo resto dos territorios e cidadáns do Estado. As razóns históricas, económicas, antropolóxicas, lingüísticas e culturais que definían o carácter nacional de Galicia foron coñecidas de vello e asumidas sen problemas dentro e fóra do país.
Temos ante nós a oportunidade de encetar unha nova etapa que deixe atrás un período de goberno que trouxo regresión económica e social, restrición das liberdades democráticas e perda dos nosos sinais de identidade nacional. Coa alternancia no goberno e co cambio político, Galicia emerxe democraticamente e con ela un país novo, aberto e solidario, orgulloso da súa personalidade e convencido das súas potencialidades.
As formacións políticas asinantes deste programa de goberno aspiramos a avanzar no autogoberno de Galicia e a lograr que xogue outro papel, desta volta relevante, no marco estatal e europeo; a rexenerar democraticamente Galicia para garantir o pleno exercicio dos dereitos e liberdades públicas sen discriminacións nin exclusións; a construír un país que forneza o benestar económico e social de todas as persoas, promova a igualdade de oportunidades e a distribución xusta da riqueza; a desenvolver unha política económica sustentable que persiga un desenvolvemento harmónico e equilibrado do país e consiga maiores cotas de emprego; a afirmar e consolidar os trazos culturais e lingüísticos distintivos da nosa identidade.
En consecuencia, asumimos o reto de deseñar un Goberno eficaz e rigoroso para acadar eses obxectivos, así como levar a termo as necesarias reformas lexislativas, económicas, sociais e administrativas, de xeito que no prazo de catro anos Galicia se sitúe na vangarda do desenvolvemento. E imos facelo impulsando decididamente a participación social e cidadá, convidando ás organizacións sociais, económicas e culturais a colaborar activamente no impulso de Galicia, sumando esforzos, achegando ideas, desenvolvendo
entre todos un novo sentido da cidadanía galega para que o país do futuro sexa o país de todos os galegos e de todas as galegas. Ambas as formacións políticas comparten a convicción de que a Comunidade Autónoma de Galicia é unha comunidade de carácter nacional no marco dun Estado plurinacional.
Cómpre revisar o Estatuto de Autonomía, coa finalidade de incorporar novas demandas, atender novas necesidades e perfeccionar os mecanismos de autogoberno e representación. Queremos facelo coa participación de todas as forzas políticas galegas con representación parlamentaria.
==Eixos da acción do Goberno==
A Xunta de Galicia nos anos 2005-2009 terá como obxectivos principais:
* O pulo do emprego de calidade e estable, vencellado a unha economía competitiva e aberta aos mercados e sectores de futuro.
* O incremento do gasto en capital humano: educación, formación para o traballo, universidade, I+D e o compromiso coa igualdade real entre homes e mulleres.
* A consolidación dun sistema de benestar avanzado, baseado fundamentalmente en servizos públicos universais e de calidade que evite discriminacións persoais ou territoriais e que garanta a autonomía e dignidade das persoas.
* A posta en valor do territorio, mediante políticas de sustentabilidade ambiental, de calidade urbanística e de habitabilidade.
* O avance na normalización da nosa lingua e máis a protección e revalorización da nosa cultura e do noso patrimonio, elementos básicos da nosa identidade como pobo.
O desenvolvemento e a concreción destes eixos, ideario do novo goberno galego, require dun afondamento no autogoberno de Galicia, impulsando un novo Estatuto co máximo consenso político e social e mais a imprescindible rexeneración democrática que restaure a dignidade das nosas institucións e poña en valor o pluralismo social e político.
==Rexeneración democrática e poderes públicos==
O Goberno Galego imponse como tarefa inmediata a revitalización da vida democrática en Galiza, co fin de incrementar a eficacia e a transparencia no funcionamento dos poderes públicos, eliminar o clientelismo e a manipulación informativa e respectar as iniciativas sociais.
A fin de facer efectivos estes obxectivos, propoñémonos levar adiante as actuacións que a seguir se relacionan.
===Transparencia e participación cidadá===
* Reforzamento das incompatibilidades dos altos cargos e promoción unha lei de transparencia que contemple, entre outros aspectos, a regulación dun código de conduta dos empregados e cargos públicos. Así mesmo, facilitación do acceso a través de Internet, en tempo real, ás actuacións das institucións galegas, incluídas as estatísticas e os estudos demoscópicos oficiais.
* Impulso e desenvolvemento da administración electrónica, apostando polo espallamento do uso das TIC na actuación administrativa para axilizar a tramitación de procedementos e facilitar a participación e información directa en tempo real da cidadanía.
* Reforma da Lei Electoral que garantirá a paridade de xénero nas listas electorais, a mellor adecuación entre electores e deputados, así como as garantías de emisión de voto polos electores emigrantes.
===Medios de comunicación===
* Elaboración dunha lei que garanta a autonomía e o carácter de servizo público da CRTVG. Esta lei establecerá o nomeamento do director xeral por maioría cualificada do Parlamento e garantirá o acceso dos distintos sectores e organizacións sociais galegos aos medios de comunicación públicos.
* Establecemento dunha regulación transparente e obxectiva das relacións coas empresas privadas de comunicación, ligándoas en todo caso ao cumprimento efectivo de fins de interese público, na procura dunha opinión pública galega plural.
* Incremento, ouvidos os representantes do sector, da porcentaxe horaria de emisión en lingua galega, de produción propia e de produción galega en todas as concesións de radio e de TV.
* O Goberno galego procurará acadar un aumento de horas de emisión para o país, tanto da radio como da televisión públicas estatais que emiten en Galicia, o fomento da rodución propia no centro territorial, un maior uso da lingua galega e a recuperación dunha frecuencia radiofónica emitida integralmente en lingua galega e centrada na información sobre a economía, a sociedade, a cultura e a política de Galicia.
===Transparencia e eficiencia no gasto público===
* O Goberno galego desenvolverá unha contratación pública eficiente no uso dos recursos públicos, tanto na Administración Xeral como nos organismos, entes ou empresas públicas, que sexa eficaz na satisfacción das necesidades públicas e transparente e obxectiva na selección das empresas. Na adxudicación dos contratos públicos teranse en conta criterios sociais e ambientais. Todos os datos do procedemento de adxudicación serán accesibles a través de Internet.
* O Goberno galego promoverá unha Lei de subvencións que asegure a concesión obxectiva e transparente das axudas públicas, incluídas as canalizadas através de convenios. Crearase un rexistro público de axudas, subvencións e convenios, accesible a través de Internet.
* No prazo de catro meses, o Goberno galego publicará un informe relativo ao endebedamento das institucións galegas.
* O Goberno galego promoverá unha Lei de publicidade institucional que circunscriba a actividade publicitaria dos poderes públicos galegos a fins estritos de servizo público, elimine a publicidade institucional con fins propagandísticos e garanta a adxudicación obxectiva e transparente dos contratos publicitarios da administración galega.
===Un Parlamento máis próximo á cidadanía===
Comprometémonos a revitalizar do Parlamento galego como centro da vida democrática en Galicia, achegándoo ás preocupacións cotiáns da cidadanía. Para iso reformarase o seu regulamento co fin de axilizar o seu funcionamento e, dun xeito especial, as comparencias do Executivo galego, recollendo a obriga do Presidente de someterse ao control dos grupos parlamentares en todos os plenos. Nesa liña, tamén se dotará aos deputados e deputadas e aos grupos parlamentares de máis medios para unha fiscalización e seguimento máis eficaces do labor do goberno (incluída a solicitude de comparecencias de membros do goberno), facilitarase a constitución e o funcionamento de comisións de investigación e crearase unha oficina orzamentaria que posibilite o seguimento da xestión económica e financeira pública.
===Unha administración máis activa e eficaz===
* O Goberno galego reordenará a planta da Administración galega e creará un rexistro de entes instrumentais como primeiro paso para a súa redución ou integración na estrutura xeral da Administración.
* Promoverase a reforma da Lei da función pública e a redución dos postos de libre designación a aqueles de carácter claramente político ou de confianza. Establecerase dunha carreira xerencial pública para os postos directivos non políticos.
* Garantirase a igualdade e a transparencia no acceso aos postos de traballo no sector público galego, baseado en criterios de mérito, capacidade e libre concorrencia. O proceso de selección utilizará procedementos obxectivos.
* Reservarase do 5% dos postos de traballo no sector público a persoas discapacitadas, co obxectivo de lograr, ao fin da lexislatura, que polo menos o 2% dos postos de traballo estean ocupados por persoas con discapacidade.
* Crearase unha Axencia Pública de Calidade e de Avaliación das Políticas Públicas.
* Reforzarase a autonomía e os medios dos órganos consultivos e de control. Igualmente, recoñecerase potestade sancionadora ao Consello de Contas.
===Entes locais===
* O Goberno Galego impulsará un Pacto Local galego que teña como obxectivo recoñecer aos concellos as competencias que materialmente están a exercer na actualidade, así como garantirlles a súa suficiencia financeira. Con este obxectivo, promoverase a reforma, en diálogo coa FEGAMP, da participación dos entes locais nos ingresos da Comunidade Autónoma, conforme a criterios de suficiencia e proporcionalidade e da promoción dun novo modelo de financiamento municipal que permita a participación de todos os concellos os ingresos do Estado, tendo en conta os criterios de extensión territorial, número de núcleos de poboación e dispersión poboacional.
* O Goberno galego impulsará unha nova organización administrativa do territorio galego baseada en comarcas, rexións e áreas metropolitanas.
* O Goberno galego coordinará a actuación das deputacións provinciais galegas por medio dunha Lei de coordinación e da elaboración dun Plan Único de Obras e Servizos.
===Unha Xustiza galega áxil e con garantías===
* O Goberno galego impulsará que a Sala de Goberno do Tribunal Superior de Xustiza de Galiza se erixa nun verdadeiro órgano descentralizado de Goberno do Poder Xudicial. Anualmente, tanto a Sala de Goberno como a Fiscalía renderán ao Parlamento Galego unha Memoria sobre a súa actividade e comparecerán na Comisión correspondente para explicala.
* Deseñarase un programa de galeguización da Administración de Xustiza e, no seu marco, estabelecerase como requisito necesario acreditar un nivel determinado de coñecemento da lingua e do dereito galegos para desempeñar unha praza de fiscal, xuíz/a ou maxistrado/a en Galicia. Todas as actuacións da Administración galega ante as instancias xudiciais se realizarán en lingua galega.
===Política integral de seguranza===
* O Goberno galego deseñará unha política integral de seguranza que planifique e ordene os dispositivos de atención en emerxencias e reforce o carácter de servizo público dos diferentes servizos dedicados á protección civil (bombeiros, salvamento, etc.). Como instrumento básico desta política integral, elaborarase unha Lei da policía galega, que contemplará a creación e despregamento da policía galega e a súa coordenación coas policías locais.
* Revisarase o vixente Plan territorial de continxencias pola contaminación marítima accidental, reforzando os medios para combater eficazmente os verquidos.
* Crearase un centro xestor de emerxencias que centralizará as alertas e desenvolveranse os procedementos operativos de protección civil.
===Relacións coa Unión Europea e proxección exterior de Galicia===
* O Goberno galego impulsará canles efectivas para a participación de Galicia nos asuntos europeos co obxectivo de salvagardar as súas competencias e promover os seus intereses.
* Outorgarase carácter público á representación de Galicia ante a Unión Europea.
* Impulsarase a cooperación co Norte de Portugal no marco do Convenio de Valença co obxectivo de afortalar a eurorrexión.
* Difundirase a realidade e especificidade galega no mundo, proxectando a personalidade internacional de Galicia e promovendo dun xeito especial a lingua e a cultura galega no exterior.
* Apoiaranse as políticas de financiamento de proxectos de cooperación ao desenvolvemento co obxectivo de dedicar a estas accións, ao remate da próxima lexislatura, o 0,4% dos orzamentos de Galicia.
===Avance no autogoberno===
Transcorrido un cuarto de século de desenvolvemento do vixente Estatuto de Galicia, cómpre facer unha reflexión política ampla sobre a súa utilidade e validez como instrumento para contribuír á vertebración do país. De aí, a necesidade da súa reforma co fin de recoller as demandas da sociedade, a definición acaída das relacións entre os poderes galegos e os centrais do Estado, e a consecución dun maior autogoberno.
PSdeG e BNG recoñecen o carácter nacional de Galiza dentro dun Estado que avanza de cara a unha configuración plurinacional, pluricultural e plurilingüe.
Ambas as forzas políticas comprométense a lograr un Estatuto que amplíe e asegure os dereitos e as liberdades da cidadanía galega, que estabeleza unha estrutura institucional máis democrática e eficaz, que contribúa ao reforzamento da identidade lingüística e cultural do país, que nos dote dun marco competencial coherente e garantido, e que sirva para pór os nosos recursos a traballar a prol do desenvolvemento económico, da creación de emprego en Galicia, e do incremento do benestar social das galegas e dos galegos.
No contexto da renovación das estruturas do Estado actualmente en curso,
o Estatuto de Galicia terá o máximo nivel posible de desenvolvemento do
autogoberno, como corresponde a unha nacionalidade histórica, así
recoñecida tanto dentro como fóra do noso territorio.
===Compromiso activo do Goberno co Estatuto===
O Goberno galego terá como prioridade afondar no autogoberno de Galicia,
para o que promoverá a aprobación, sen exclusión de ningunha forza
política, dun novo Estatuto de Galicia, co compromiso de que os traballos
se inicien nos primeiros seis meses da lexislatura. Con esta finalidade,
instará a creación da correspondente Comisión Parlamentaria. O presidente
da Xunta de Galicia solicitará un ditame do Consello Consultivo.
===Un novo modelo de financiamento===
O avance no autogoberno debe ir parello a un novo modelo de
financiamento público que, baseado nos criterios de suficiencia e equidade,
incremente de forma substancial a responsabilidade fiscal e a autonomía
financeira de Galicia e garanta a adecuación dinámica dos recursos dos
poderes públicos galegos para avanzar na converxencia real de Galicia cos
territorios máis desenvolvidos do Estado e de Europa.
No horizonte da drástica redución dos fondos europeos, o Goberno galego
impulsará a reforma do Fondo de Compensación Interterritorial para que se
converta nun mecanismo eficaz de redución das diferenzas nos niveis de
infraestruturas e servizos e contribúa a unha converxencia real dos niveis
de renda e de emprego.
O goberno fixará a súa posición nas negociacións en curso sobre a reforma
do financiamento sanitario co fin de que este, tendo en conta as
características singulares da poboación galega, asegure a Galicia a
suficiencia necesaria para garantir a calidade e a cobertura universal das
prestacións sanitarias.
No marco deste novo modelo de financiamento o goberno galego impulsará
unha ampla capacidade normativa sobre os tributos propios e cedidos,
potenciando unha estrutura organizativa que mellore a xestión e facilite a
coordenación coas demais administracións tributarias. Nese marco,
estudarase a creación dunha Axencia Tributaria Galega consorciada coa
Axencia Tributaria do Estado.
===Relacións entre as institucións galegas e as centrais do estado===
As relacións entre as institucións galegas e as estatais estarán guiadas polo
diálogo, a cooperación e a lealdade recíprocas. No marco destas relacións,
o Goberno galego demandará do Goberno estatal:
#A abertura das negociacións tendentes a corrixir o déficit estrutural acumulado en Galicia, en especial en materia de emprego, educación, sanidade e infraestruturas.
#Un acordo sobre a transferencia das competencias pendentes, en especial en materia de policía e seguranza pública, formación continua (conforme a xurisprudencia constitucional), inspección de traballo, salvamento marítimo e ordenación, xestión e saneamento do litoral.
#A participación real e efectiva das institucións galegas nas decisións relativas á planificación, elaboración e seguimento conxuntos das políticas económicas e de regulación de mercados que afecten a Galicia.
#As modificacións lexislativas necesarias para unha mellor adaptación das institucións comúns –Poder Xudicial, Senado, entes reguladores e outras– á estrutura territorial do Estado, e que faciliten a presenza nas mesmas de representantes de Galicia.
#A presenza das institucións galegas nos órganos da Unión Europea
cando se traten asuntos relativos ás competencias exclusivas de
Galicia, e a proxección e representación institucional exterior de
Galicia, especialmente naqueles países cos que existan lazos
culturais e políticos.
==Emprego e desenvolvemento económico==
A economía galega está caracterizada pola súa menor competitividade,
elevada taxas de desemprego e de precariedade no traballo –especialmente
discriminatoria por xénero–, baixos salarios, pensións e subsidios. Unha
consecuencia dese cadro é a nova emigración que afecta selectivamente ás
persoas xoves mellor cualificadas.
O Goberno galego aspira a transformar a sociedade galega nunha sociedade
con maiores niveis de benestar e unha maior cohesión social. Para
conseguilo fixamos os obxectivos da nosa alternativa económica para esta
lexislatura en sentar as bases para un crecemento económico equilibrado,
sustentable e con firmes alicerces nas nosas potencialidades, cun horizonte
de longo prazo que se traduza en incrementos da produtividade e do aforro. Iso vainos permitir eludir os riscos actuais da economía galega, altamente
endebedada, escasamente produtiva e pouco preparada para facer fronte aos
retos do futuro. Tendo en conta o devandito, propomos as seguintes
medidas:
* Establecemento dun Fondo de Reequilibrio Territorial, co obxectivo de acadar o balance territorial no desenvolvemento das actividades económicas e do benestar cidadán.
* Creación dun organismo público que actúe como instrumento de xestión da política financeira e de axuda aos sectores produtivos.
* En colaboración co sector financiero acordaranse mecanismos axeitados para o fomento da función dinamizadora que na economía galega desenvolven as caixas de aforro. Asegurarase a representatitividade da participación social e impulsarase a obra social e cultural baixo principios de solidariedade.
===Un pacto polo emprego===
Un dos obxetivos centrais do novo goberno é a creación de emprego
estable e con dereitos, ofrecendo oportunidades laborais aos colectivos con
maiores dificultades, aumentando a taxa de actividade, reducindo o paro, a
precariedade e a alta siniestralidade laboral, corrixindo os desequilibrios
territoriais no mercado de traballo de Galicia e loitando contra as
discriminacións que sofren as mulleres, a xente moza, os inmigrantes e os
traballadores de máis idade.
Eses obxetivos acadaranse a medio do diálogo social e como froito do
mesmo asinaremos un acordo coas organizacións empresariais e sindicais
que contemple un novo modelo de desenvolvemento económico no que se
recollan os seguintes aspectos:
* Liñas estratéxicas de política económica e social.
* Promoción do emprego estable e redución da precariedade no sector público e no sector privado.
* Entre os criterios que se terán en conta na adxudicación de contratos coa Administración, ponderarase a estabilidade do cadro laboral.
* Loita contra a fraude na contratación laboral, dotando a inspección de traballo e as mesas de control dos medios necesarios para detectar e combater as prácticas irregulares.
* Reforma do conxunto das políticas activas de emprego para contribuír de xeito eficaz á redución da temporalidade, a inserción laboral dos desempregados e o incremento equilibrado, sectorial e territorialmente, do emprego.
* Reforma do Servizo Público de Emprego co fin de optimizar o seu funcionamento nos labores de intermediación, orientación, fomento da contratación, clasificación das persoas demandantes de emprego e control da legalidade das contratacións.
* Políticas de igualdade. Favorecerase a incoporación da muller aos sectores profesionais en que existe maior desigualdade. Promoveranse accións para mudar a cultura laboral e facilitar o acceso das mulleres a postos de responsabilidade e dirección. Promulgarase unha Lei de conciliación da vida familiar e laboral.
* A Xunta impulsará, de acordo cos axentes económicos e sociais, un marco galego de relacións laborais co obxecto de promover unha negociación colectiva asentada sobre as condicións reais de desenvolvemento da actividade produtiva no seo das empresas galegas.
* Plans territoriais de emprego en colaboración coas corporacións locais e axentes económicos e sociais do territorio.
* Plan de Saúde Laboral, dotado de medidas lexislativas, administrativas e orzamentarias, que contemple a información, a formación, a promoción de actividades preventivas, a dotación de medios ás pequenas e medianas empresas e o labor da inspección de traballo como medios imprescindibles para reducir a siniestralidade laboral, con especial atención ás mulleres e á mocidade. Este Plan abordará o acoso laboral e sexual.
===Innovación industrial e empresarial===
A viabilidade económica a longo prazo do país depende da capacidade
propia para xerar riqueza e da expansión da nosa capacidade produtiva.
Para iso é preciso priorizar as políticas e a aplicación dos recursos cara a
fins que revistan unha utilidade social e reforcen directamente así a
capacidade canto a diversificación da produción.
A Xunta, xuntamente cos axentes económicos e sociais, deseñará un pacto
pola industrialización, orientado a conseguir unha economía avanzada,
innovadora, creadora de emprego e de riqueza, socialmente cohesionada e
sustentable.
Cómpre potenciar a cultura emprendedora para crear emprego e riqueza, e
facer de Galicia un territorio atractivo e competitivo para as actividades
empresariais. Comprometémonos co apoio decidido aos sectores industriais
consolidados ou emerxentes, principais xeradores de valor engadido,
emprego, investimento, exportación, etc., pois somos conscientes de que
deben actuar como motores do desenvolvemento industrial sustentable e
territorialmente equilibrado.
A Xunta de Galicia desenvolverá accións que tendan a:
* Desenvolvemento das PEMEs, impulsando as asociacións para a participación nas políticas públicas e xerando sinerxías para gañar competitividade, establecendo marcos específicos de relación contractual coa Administración e creando un contorno favorable para o seu desenvolvemento mediante a concertación social.
* Fomento e promoción das relacións interindustriais e de subcontratación co tecido das PEMEs do seu contorno, co obxecto de aproveitar as economías de proximidade, crear economías externas e fortalecer o tecido industrial local.
* Mellora da interconexión loxística entre os portos, aeroportos, vías de alta capacidade, estacións ferroviarias e áreas industriais.
* Apoio público aos proxectos de maior compoñente tecnolóxico.
* Pulo das iniciativas en I+D+i. Duplicación na lexislatura do esforzo orzamentario en I+D+i que acadará o 1´5% do PIB en catro anos, cun meirande peso do sector privado.
* Plano estratéxico da Sociedade da Información para xeneralizar o uso das TIC en todos os ámbitos económicos e sociais, que impulse a competitividade e a produtividade e facilite aos cidadáns as avantaxes dos novos servizos así accesibles. Mellora do acceso á banda ancha de empresas e fogares ata abranguer a práctica totalidade da poboación.
* Pulo do software libre, en colaboración coas universidades.
* Creación dun clúster coas empresas do sector. Aposta pola consolidación e competitividade do sector galego das telecomunicacións.
* Establecemento do dominio galego de nomes en internet.
* Plans de actuación estratéxicos para afortalar os clusters.
* Plan de desenvolvemento do cooperativismo coa participación das empresas da economía social e desenvolvendo a súa faceta empresarial.
* Posta en marcha dun plan de incorporación de doutores, enxeñeiros e investigadores ás empresas e centros tecnolóxicos.
* Potenciación da internacionalización das empresas galegas para abrir novas oportunidades de negocio no exterior.
* Programa de captación de novos investimentos, promovendo a convención empresarial e a formación especializada de directivos. Creación de foros para que organizacións internacionais, analistas, mercados e medios especializados perciban Galicia como unha zona de importante desenvolvemento.
* Fomento da calidade e da mellora continua dos procesos, segundo os estándares e certificacións aceptadas internacionalmente.
* Mellora dos mecanismos de financiamento público aos novos proxectos empresariais. Unificación nun organismo dos actuais instrumentos de financiamento empresarial públicos, Sodiga, Spi, Igape, sociedades de capital risco e avais, etc. No seu seo, plan de apoio para informar e asesorar aos emprendedores. Axuda financeira para proxectos viables, durante o período de maduración. Incremento dos fondos de capital-semente.
* Xeración de 20 millóns de metros cadrados de solo industrial, con atención preferente ás grandes áreas metropolitanas.
* Mellora da calidade no subministro eléctrico.
* Consideración do carácter estratéxico do sector turístico. Desenvolvemento de novos produtos. Mellora e cualificación da oferta. Diversificación e desestacionalización.
* Nova Lei de ordenación do comercio que afronte a planificación do comercio galego dende as necesidades e retos actuais, modernizando a actual estrutura, e coa regulación de horarios, a implantación de novos formatos e novas superficies e mediante o diálogo cos sectores afectados e cos concellos.
* Impulso dos parques tecnolóxicos coa cooperación das universidades.
* Promoción do sector audiovisual galego polo seu carácter estratéxico, nos ámbitos das novas tecnoloxías e da imaxe e da cultura de Galicia. Promoción internacional a través de programas específicos. Implicación da TVG con criterios de transparencia e obxectividade. Nova regulación das axudas que fixe criterios obxectivos e avaliables e que precise o concepto de produción galega. Priorización dos proxectos que contribúan á proxección internacional da imaxe e da cultura galegas.
* Impulso dunha solución concertada na que participen todos os axentes implicados, que procure unha ubicación alternativa para a factoría de Ence fóra da Ría de Pontevedra e o peche do ciclo produtivo no noso país.
===Desenvolvemento rural e política agroalimentaria===
Comprometémonos na mellora do tecido socioeconómico no medio rural e
das condicións de vida dos seus habitantes, e propoñémonos mellorar as
rendas agrarias e a competividade da cadea alimentaria.
Impulsaremos o desenvolvemento das zonas rurais promovendo a súa
diversificación económica e a mellora da prestación de servizos e de
condicións de vida. Apoiaremos a incorporación da xente moza á
actividade económica das zonas rurais. As medidas previstas son as
seguintes:
* Deseño dun plan estratéxico para o medio rural, coa participación de todos os sectores afectados, que determinará os obxectivos prioritarios para un desenvolvemento económico sustentable.
* Elaboración dunha Lei de desenvolvemento rural.
* Aprobación dunha Lei de ordenación agraria que incluirá un marco de respaldo á explotación agraria familiar, con medidas de apoio á súa mellora, o recoñecemento da cotitularidade das mulleres traballadoras e o relevo xeneracional. Fomentaranse as fórmulas asociativas, en especial o cooperativismo, con vistas á agrupación de explotacións, a prestación de servizos e a comercialización.
* Impulso da mobilidade de terras, creando un Fondo Público de Mobilidade que fomente o uso produtivo.
* En relación coa reforma intermedia da PAC aprobada en 2003, o Goberno galego defenderá o mantenemento do máximo nivel de vinculación das axudas que permite a normativa europea, a redistribución de axudas no Estado en base a criterios de cohesión social e territorial e de apoio a modelos de produción respectusosos co medio ambiente e a calidade dos alimentos, así como o reparto entre as Comunidades Autónomas dos fondos procedentes da modulación das axudas segundo criterios de cohesión.
* Reforma da concentración parcelaria, reducindo prazos, establecendo prioridades ligadas ás explotacións existentes e a mellora da súa viabilidade, e apoiando as iniciativas dos grupos de agricultores.
* Deseño dun Plan de residuos agrarios.
* Creación do Consello Agrario coa participación das organizacións representativas do sector, como órgano de consulta e interlocución coa Administración.
* Elaboración dun Plan de desenvolvemento da agricultura sustentable que amplíe o actual ámbito da agricultura ecolóxica e impulse a súa expansión.
* Apoio á creación dun grupo lácteo galego coa participación de cooperativas e das empresas lácteas domiciliadas en Galicia.
* Redacción dunha Lei de montes para a mellora da produción forestal, a concentración das terras arboradas, a dotación de infraestruturas e as plantacións.
* Reforma da Lei de montes veciñais en man común para favorecer a súa mobilización produtiva e o seu aproveitamento consonte coas demandas sociais, así como a dispoñibilidade para usos de servizo público.
* Deseño dunha política integral de loita contra os incendios que abranga a ordenación forestal e o estudo da causalidade, así como medidas preventivas, de infraestruturas e de loita contra a degradación do chan.
* Deseño dun programa de apoio estratéxico ás principais producións que incluirá medidas de axuda á comercialización.
* Potenciación das denominacións de calidade recoñecidas na Unión Europea.
* Creación dun Centro de Tecnoloxía Alimentaria que potencie as innovacións tecnolóxicas en produtos lácteos, cárnicos e viños, mediante a colaboración coas asociacións de empresas agroalimentarias e coas universidades, en cooperación coas iniciativas de ámbito estatal.
* Constitución dun Banco Forestal como un fondo de financiamento mixto co obxectivo de apoiar as plantacións forestais para a produción de madeiras de calidade e a xestión forestal sustentable.
* Deseño dun plan de apoio ás industrias do moble, con especial atención ao deseño, a formación e a comercialización.
* Redacción dun Plano específico para as industrias de serradoiros con apoio aos investimentos produtivos e co establecemento de servizos en común.
===Política pesqueira===
Apostaremos polo futuro do sector pesqueiro como actividade económica
estratéxica para Galicia. A Xunta impulsará o mantemento da actividade
pesqueira e do emprego en base a unha consideración integral dos aspectos
biolóxicos, económicos e sociais na xestión pesqueira, apostando pola
recuperación dos stocks e da actividade pesqueira.
Faremos que Galicia sexa protagonista nas decisións de política pesqueira
da Unión Europea do Goberno Central. Impulsaremos o diálogo con outras
institucións e coas comunidades autónomas marítimas en asuntos de
interese común, como investigación, formación e recursos.
A Xunta avaliará e ordenará os caladoiros galegos, para logo establecer
medidas de rexeneración e recuperación. Nesta liña, adoptaranse as
seguintes medidas:
* Promoverase unha mellor regulación laboral do sector, con máis protección social que favoreza o relevo xeracional.
* Impulsarase a mellora das condicións laborais e de seguridade dos traballadores. Melloras da seguridade dos buques.
* Potenciarase a diversificación económica nas zonas de pesca.
* Apoiaranse as iniciativas de renovación das estruturas pesqueiras.
* Fomentarase a profesionalización do marisqueo e do cooperativismo de produción e comercialización. Plans de impulso á produción por rías.
* Promoverase que os produtos da acuicultura manteñan o seu liderato tanto nos mercados tradicionais como nos novos mercados, aplicando técnicas para ofertar un produto con mellores rendementos, optimizando a produción, e consolidando mellores sistemas de comercialización e xestión.
* Impulsarase a investigación aplicada en novas especies de acuicultura e no estudo das toxinas, desenvolvendo novos métodos para reducir os niveis de toxina nos produtos.
* Melloraranse os procesos de comercialización, mediante o fomento de novas presentacións comerciais, o desenvolvemento de normas de etiquetado, envasado, embalaxe, caducidade, procedencia; o establecemento dunha denominación de orixe para o mexillón, e o estudo doutras posibles denominacións ou etiquetas de calidade para o peixe galego.
* Perfeccionaranse as actuacións de inspección pesqueira e de loita contra a contaminación mariña.
* Reformarase a Lei de confrarías para incrementar a participación dos diferentes sectores e a súa representatividade.
==Educación, lingua e cultura==
Coidamos que a educación é o primeiro factor de progreso individual e
social. A súa extensión a todos os cidadáns e cidadás en condicións de
calidade é o fundamento máis sólido para construír unha sociedade
economicamente adiantada e cohesionada social e territorialmente.
A continuada redución do orzamento educativo, en Galicia e no Estado
durante os gobernos conservadores, provocaron un afastamento
espectacular das medias europeas que cómpre corrixir no menor tempo
posible, como factor fundamental da calidade educativa.
Proporemos un Pacto social e político pola educación que acade un
consenso básico na política educativa e universitaria. O principio de
igualdade de oportunidades esixe o compromiso dos poderes públicos coa
educación, en especial co ensino público, e a implicación de todos os
sectores involucrados –estudantes, profesores, familias–, así como das
institucións, os medios de comunicación, e demais instancias que educan,
forman e informan. Unha mellor valoración social do feito educativo, dos
profesores e dos establecementos de ensino, constitúe un obxectivo
prioritario.
O Goberno galego proponse como obxectivo que ao rematar o ensino
obrigatorio os estudantes posúan plena competencia en galego, en castelán
e como mínimo nunha lingua estranxeira. Igualmente, comprométese
activamente coa efectiva e inmediata aplicación das medidas de
galeguización do ensino recollidas no Plan de Normalización Lingüística
aprobado unanimente polo Parlamento galego en setembro de 2004.
===Sistema educativo===
* O orzamento educativo incrementarase nun 20% durante a lexislatura co obxectivo de converxencia progresiva co gasto medio da Unión Europea, arredor dun 6% do PIB.
* Crearanse prazas de ensino infantil para menores de tres anos na rede pública, en número suficiente para cubrir a demanda.
* Reducirase a ratio no ensino infantil a 1/15, con persoal de apoio.
* Promoverase o ensino temperán de idiomas.
* Establecerase un programa de bolsas para a aprendizaxe de idiomas no estranxeiro dirixido a estudantes de ensino secundario.
* Elaborarase un plan de redución da taxa de fracaso escolar. Este plan incluirá diagnóstico temperán, medidas de orientación ás familias e aos estudantes, atención personalizada, e actividades de reforzo horario.
* Garantirase a gratuidade total dos libros de texto no ensino obrigatorio.
* Fomentarase a utilización das novas tecnoloxías. Neste senso, poranse e marcha medidas como: dotación dun computador por cada dous alumnos; formación do profesorado neste ámbito; desenvolvemento de software educativo e do uso de programas de código aberto, incremento do persoal de apoio e mantemento nos centros escolares.
* Promoveranse centros con perfil curricular singular, tales como centros que permitan a realización simultánea de estudos obrigatorios e a carreira musical, e centros de ensino en lingua estranxeira.
* Elaborarase un plan de actuación para a mellora das escolas rurais en dotacións, equipamentos e persoal.
* Promoverase a existencia de comedores nos centros escolares da rede pública.
* Deseñarase un programa de apoio específico para o coñecemento da lingua galega polo alumnado inmigrante.
* Incrementaranse os recursos para os equipos de normalización lingüística. Apoiarase economicamente a produción e difusión de materiais curriculares de ensino en galego, e de programas informáticos na nosa lingua.
* Mellorararase a coordinación da Formación Profesional coas empresas e cos servizos de emprego.
* Pularanse as ensinanzas artísticas: conservatorios e escolas de música, escolas de artes aplicadas.
* Incrementarase o número de Escolas de Idiomas dirixidas a toda a poboación para atender a demanda actual. Pularase pola oferta virtual de ensinanzas. Os medios públicos de comunicación participarán no obxectivo de estender a capacitación en idiomas da poboación.
* Ampliarase a autonomía dos centros escolares, incrementando as atribucións dos seus órganos colexiados, que ademais terán participación fundamental nos procesos de elección de equipos directivos. Incrementaranse os recursos económicos dos centros de ensino. Impulsarase a participación das familias na educación.
* Os centros de ensino ofertarán programas de actividades complementarias en colaboración con outras institucións ou entidades.
* Potenciaranse as bibliotecas escolares e a lectura.
* Promoverase a escolarización equitativa nos centros públicos e concertados do alumnado con necesidades educativas especiais e con dificultades de aprendizaxe específicas, así como do alumnado de orixe inmigrante ou de minorías étnicas ou culturais.
* Elaborase, mediante a negociación cos representantes do sector, un Estatuto da Función Pública Docente que recolla as necesidades e características da profesión, potencie a súa valoración e recoñecemento social e promova a formación continua.
===Universidade===
As universidades galegas deben xogar un papel sobranceiro na
implantación da sociedade do coñecemento e teñen que ser cada vez máis
activas e creativas, colaborando estreitamente coa sociedade e coas
empresas. Para que isto sexa posible deberán contar con recursos humanos
e económicos suficientes. As medidas previstas neste terreo son:
* Desenvolvemento do espazo europeo de ensino superior, establecendo criterios para a adaptación dos estudos de grao e de posgrao. Fomento de programas de doutoramento de calidade e da oferta conxunta entre varias universidades.
* Incremento progresivo do número de bolseiros que permita o acceso á universidade dos segmentos sociais de menores niveis de ingresos ou máis afastados dos campus universitarios.
* Creación dunha carreira profesional estable de investigador, diferente á de profesor universitario. Incremento do cadro de persoal existente.
* Dotación de salarios e condicións laborais axeitados para o persoal investigador en formación.
* Coordinación co sector privado dos centros de ciencia e tecnoloxía existentes nas universidades, na Xunta e noutros organismos públicos.
* Elaboración dunha Lei de universidades que regule o sistema universitario galego, o réxime de creación de centros públicos e privados, o estatuto do persoal docente e non docente, os dereitos dos estudantes e o goberno das institucións.
* Fomento da cooperación dentro do sistema universitario galego.
* Creación da universidade virtual de Galicia para cubrir as demandas de ensino a distancia e mais a formación permanente, facilitando o acceso aos estudos superiores e profesionais de toda a poboación.
===Lingua===
A Xunta promoverá unha política de recuperación de falantes da lingua do
país e de extensión do seu uso normal en todos os ámbitos da sociedade.
Asemade, potenciará o intercambio cultural cos países de lingua oficial
portuguesa, no cal se atribuirá un papel de relevo aos medios de
comunicación públicos. Outras medidas contempladas son:
* Desenvolverase o plan xeral de normalización lingüística aprobado polo Parlamento en 2004, con dotación orzamentaria, programación e avaliación anual.
* Crearase unha Institución para a promoción exterior da lingua e da cultura de Galicia.
* O goberno galego empregará a nosa lingua de forma sistemática en todas as súas comunicacións orais e escritas e promoverá o seu uso normal nos servizos e dependencias da Administracións autónoma e das Administracións locais. Garantirase en todo caso o dereito dos cidadáns a ser atendidos en galego en todas as súas relacións coa Administración.
* A Administración galega velará polo cumprimento estrito do Plano Xeral de Normalización Lingüística tanto no seu funcionamento interno como nas relacións con outras institucións de Galicia e cos cidadáns.
===Cultura===
A cultura, ademais do seu carácter de expresión simbólica dos individuos e
das comunidades, é tamén un sector de alto potencial económico, xerador
de emprego e de riqueza.
Defendemos unha política cultural baseada na liberdade de creación e na
diversidade, na cooperación e na cidadanía. A cultura é a expresión da nosa
identidade, da nosa forma de presentármonos ante outras sociedades.
Cómpre promover a súa internacionalización: a cultura galega ten
demostrado en moitos dos seus sectores –nas artes plásticas, na música
popular e na música culta, na literatura, etc.–, unha capacidade sobranceira
de creación a un nivel internacionalmente recoñecido; isto pódese
conseguir tamén noutras áreas. Tamén é posible incrementar o consumo de
produtos culturais, mellorando as taxas de lectura, de asistencia a
espectáculos, de participación en actividades de carácter artístico. Unha
cidadanía moderna é tamén unha cidadanía cultivada, coñecedora das
tendencias, que cobre unha parte do seu tempo de lecer en actividades
formativas.
A Xunta de Galicia promoverá a cooperación na vida cultural das
institucións públicas e privadas –concellos, deputacións, fundacións,
colectivos–, coordinando iniciativas e procurando sinerxías de recursos.
Como medidas principais, contémplanse:
* Procurarase a estabilidade das compañías escénicas.
* Promoverase a recuperación do patrimonio musical galego tanto no ámbito da música culta como no da de expresión oral, e tamén dos soportes fonográficos.
* Desenvolveranse medidas para garantir a conservación do patrimonio e dos achados arqueolóxicos nos ámbitos urbanos, conciliando intereses públicos de conservación e privados de promoción.
* Crearase un Arquivo de Galicia.
* Completarase a rede de auditorios nas grandes cidades.
* Modernizarase a rede bibliotecaria de Galicia, en fondos e servizos.
* Fomentarase a lectura pública coa participación dos medios públicos de comunicación. Pularase a industria editorial e promoverase o libro galego.
* Elaborarase un Plano de Desenvolvemento Cultural, integrando tanto os desafíos actuais da nosa vida cultural como as propostas de axentes, creadores, colectivos e corporacións locais.
* Revisarase o proxecto da Cidade da Cultura para que sirva ás necesidades máis urxentes con criterios de sustentabilidade económica e de rendibilidade social e cultural.
* Elaborarase un plan de tecnificación deportiva. Xestionarase a participación de patrocinadores mediante acordos coas empresas galegas. Apoiarase e asesorase aos deportistas de alto nivel.
* Promoverase o deporte escolar e universitario establecendo convenios coas federacións, centros de ensino, administracións locais e universidades. Redactarase un Regulamento do deporte escolar federado. Establecerase un Comité do Deporte Universitario.
* Colaborarase cos concellos para garantir o acceso de todos os cidadáns á practica físico-deportiva.
* Promoverase a participación das deportistas galegas nos órganos de dirección do deporte, públicos e privados.
* Deseñarase un novo modelo de asociacionismo deportivo que contemple as figuras asociativas necesarias nas distintas manifestacións e niveis, como agrupacións de clubs, entes de promoción deportiva, ou Unión de Federacións Deportivas Galegas.
* Reformarase o actual réxime xurídico das federacións deportivas que garanta as condicións axeitadas para o exercicio das funcións públicas delegadas atribuídas ás mesmas, o funcionamento democrático e a transparencia económica.
* Promoverase unha asociación de xogos e deportes tradicionais.
* Promoveranse as seleccións deportivas galegas dentro do marco legal autonómico e estatal vixente.
==Benestar==
Queremos facer da sociedade galega unha sociedade de benestar avanzado,
onde todas as persoas teñan dereito ao benestar e a vivir a súa vida con
plenitude, saúde e madureza, de acordo coas súas propias decisións.
Defendemos o dereito ao benestar e xa que logo o desenvolvemento dun
sistema público de servizo de benestar que cubra as diferentes necesidades
das persoas baixo criterios de igualdade, universalidade e
complementariedade na acción das diferentes administracións.
===Sanidade===
* Anualmente o Goberno fixará o obxectivo de redución de tempos nas listas de espera e aprobará os recursos para o seu cumprimento.
* A atención primaria estenderase a toda a poboación.
* Garantirase o acceso á anestesia epidural na rede sanitaria pública a todas as mulleres que o desexen.
* A Xunta promoverá a humanización da asistencia sanitaria coas seguintes medidas: redución de camas por habitación, libre elección de médico de asistencia primaria, extensión do consentimento informado, segunda opinión ante situacións clínicas de gravidade e servizos de atención ao usuario en todos os hospitais.
* A Xunta asegurará a eficiencia do gasto sanitario mediante un sistema de adquisición de recursos materiais transparente e coa elaboración dun plan de redución do gasto farmacéutico consensuado con todos os sectores afectados. Os actuais entes instrumentais, xestores de centros ou servizos sanitarios, integraranse progresivamente no Servizo Galego de Saúde.
* Fomentarase a dedicación exclusiva ao servizo público, mediante diálogo cos profesionais sanitarios.
* Incorporaranse as novas tecnoloxías a todo o sistema por mor de reducir a burocratización, mellorar a coordinación entre profesionais e pacientes, e axilizar a xestión clínica e a fiabilidade dos rexistros.
* Deseñarase un Plan de coidados paliativos.
* Elaborarase un Plan de saúde mental que contemple programas de asistencia interdisciplinares para responder eficazmente ás novas problemáticas sanitarias, tales coma os trastornos de conduta alimentaria, adicións sen substancia, dano cerebral, etc.
* Dotarase de xeito progresivo ás unidades de saúde mental cos recursos suficientes para acadar a ratio dun psiquiatra por cada 25000 habitantes e a ratio correspondente aos demais profesionais especializados.
* Incrementaranse as prazas de hospitais de día para saúde mental, unidades de psicoxeriatría, unidades especializadas para nenos e adolescentes, e as camas de agudos.
* Coordinarase a atención a drogodependentes coa rede de saúde mental; e tenderase progresivamente á homoxeneización da oferta de servizos, como paso previo á integración no Servizo Galego de Saúde.
===Servizos sociais===
* Creación dun complemento autonómico para as pensións non contributivas.
* Reforma da RISGA para incrementar a súa contía, flexibilización dos requisitos de recoñecemento e axilización da tramitación.
* Nova Lei de servizos sociais que inclúa a garantía de atención en función das necesidades. Durante a lexislatura, garantiremos a atención de todas as persoas con dependencia grave e do sesenta por cento das persoas con dependencia moderada.
* Incremento da cobertura da Axuda a Domicilio e da Teleasistencia para atender ás persoas con máis de 70 anos que vivan soas.
* A atención ás persoas maiores terá como obxectivo principal a salvagarda da dignidade e a autonomía das persoas. Promoverase unha rede pública de centros de día para persoas maiores e que as persoas maiores poidan permanecer na súa contorna habitual.
* A Xunta promoverá que todas as persoas maiores teñan posibilidade de participar, de acordo coas súas necesidades, nas actividades sociais, culturais e deportivas.
* Plan integral de atención á discapacidade.
* Plan de loita contra a pobreza e a exclusión social que incluirá actuacións coordinadas coa administración local e coas entidades de carácter social.
===Igualdade===
* Elaborarase unha Lei de conciliación de traballo e familia. Promoverase a corresponsabilidade na vida familiar.
* Aprobarase unha Lei integral contra a violencia de xénero.
* Estableceranse convenios cos diferentes colectivos profesionais para fomentar a incorporación da muller aos postos directivos.
* Implantarase progresivamente un Programa específico de Saúde de Mulleres nos centros de atención primaria.
* O Goberno galego tenderá a unha actuación transversal das iniciativas que aseguren a perspectiva de xénero en todas as políticas sectoriais.
===Mocidade===
* Deseño dunha política integral de acción para a mocidade en colaboración con sindicatos, empresarios e asociacións xuvenís, que facilite a emancipación e a inserción laboral e remate coa precariedade laboral. Esta política abranguerá o estudo de novos xacementos de emprego, o fomento da cultura emprendedora, así como medidas de acceso á vivenda.
* Impulso do Consello da Xuventude para o fomento do asociacionismo, da participación e da representación.
* Estudo e avaliación cara á implantación, ao longo da lexislatura, dunha axuda destinada á xente moza que após un período de formación procure o seu primeiro emprego.
===Migracións===
* Regularanse as axudas ás comunidades galegas no exterior garantindo a igualdade de oportunidades e a distribución obxectiva.
* A Xunta promoverá a integración social e laboral dos inmigrantes, impulsando o coñecemento da lingua e cultura galegas, combatendo o racismo e xenofobia, por medio do diálogo fluído cos representantes dos colectivos.
* Crearase unha oficina do Retorno que facilite información sobre os diferentes temas relacionados co regreso e a inserción dos emigrantes: vivenda, emprego, ensino, etc.
* Impulsarase, en colaboración co Goberno do Estado, a cobertura da asistencia social e sanitaria básica dos galegos residentes no exterior.
==Territorio e sustentabilidade==
Entendemos que unha nova modernización de Galicia esixe converter o
territorio nun factor protagonista da competitividade e da igualdade, e por
tanto nun axente activo de desenvolvemento económico e de cohesión
social.
O Goberno galego proporá que no PEIT e nos seus planos sectoriais
complementarios se recolla o compromiso de acometer as infraestruturas
necesarias en Galicia, estimadas nunha porcentaxe mínima do oito por
cento do investimento total previsto para dito Plano, co fin de contribuír á
mellora da produtividade e do crecemento e á converxencia real.
Cómpre un Pacto polo Territorio que permita planificar e ordenar os usos
con criterios de sustentabilidade ambiental, económica e social. Este Pacto
estará baseado no consenso e terá que ordenar os investimentos en
infraestruturas, estabilizar o marco lexislativo e salvagardar o respecto ao
territorio e ao medio ambiente urbano e rural. Con esta finalidade,
contemplánse as medidas seguintes:
* Aprobación das Directrices de Ordenación Territorial de Galicia.
* Artellamento do sistema de cidades no conxunto da eurorrexión Galicia-Norte de Portugal.
* Impulso das áreas metropolitanas e mais das rexións urbanas e semiurbanas como espazo de planificación.
* Revisión da lexislación do solo e simplificación da súa xestión.
* Racionalización do crecemento residencial, turístico e de actividade no litoral.
* Rexeneración, preservación e saneamento integral das Rías.
* Conservación dos núcleos rurais como asentamento poboacional diferenciado.
* Mellora da calidade do hábitat urbano.
* Xestión pública do urbanismo como criterio xeral, reforzando as competencias municipais.
* Plan de Infraestruturas do Transporte, que será obxecto de debate no Parlamento, coa finalidade de concretar os investimentos e prazos nas infraestruturas que sexan competencia da Comunidade. O plan terá como obxectivos: garantir o acceso a vías rápidas de toda a poboación nun prazo inferior a 30 minutos, completar a estrutura básica de comunicacións interiores de Galicia por estrada; mellorar as conexións intermodais de portos e aeroportos; actuacións nas infraestruturas portuarias que coordinen e especialicen os portos galegos.
* A Xunta elaborará un plano de transporte público de cercanías nas áreas metropolitanas de Ferrol-Coruña e de Pontevedra-Vigo. No seu deseño participarán as entidades locais, os axentes económicos e sociais, o operador ferroviario e as empresas de transporte.
* Plan de seguranza vial que reduza o número de vítimas.
* Billete único de transporte intermodal nas áreas urbanas e metropolitanas.
* Construción de 25000 vivendas de protección, delas sete mil en aluguer.
* Plan galego de desenvolvemento sustentable.
* Novo plan de residuos que contemple a planta de Sogama como unha incineradora de termo nun prazo de oito anos.
* Plan de usos do litoral.
* A política de augas aplicará a Directiva Marco da Unión Europea, integrando a xestión das concas dos ecosistemas de ría, de esteiro e das plataformas litorais.
* Revisión dos novos proxectos para a construción de encoros e avaliación rigorosa dos impactos ambientais e sociais.
* Plan de converxencia cos obxectivos do Protocolo de Quioto.
* Plan de Acción para o Fomento do Aforro e para a Eficiencia Enerxética de Galicia.
* Promoveremos actuacións que potencien o uso racional da enerxía nos diferentes sectores de actividade, así como o aproveitamento dos recursos das diferentes enerxías renovables.
==Relacións entre os asinantes do acordo==
Os grupos políticos asinantes comprométense coa sociedade galega á lealdade cos acordos asinados e coas decisións do Consello de Goberno de Galicia, sen prexuízo da expresión de opinións sobre política xeral ou sobre as áreas de competencia do propio grupo.
Os acordos adoptados colexiadamente pola Consello de Goberno serán vinculantes para todos os seus membros nas súas relacións con outras administracións.
Igualmente, comprométense a manter canles permanentes de diálogo noutras cámaras de representación.
As forzas asinantes deste acordo manterán un diálogo permanente sobre todas aqueles aspectos novos que poidan xurdir no desenvolvemento do mesmo.
<div align=right>''Santiago, 23 de xullo de 2005''<br>''Emilio Pérez Touriño (PSdeG)''<br>''Anxo Quintana (BNG)''</div>
</div>
[[categoría:Obras]]All content in the above text box is licensed under the Creative Commons Attribution-ShareAlike license Version 4 and was originally sourced from https://gl.wikisource.org/w/index.php?oldid=13340.
![]() ![]() This site is not affiliated with or endorsed in any way by the Wikimedia Foundation or any of its affiliates. In fact, we fucking despise them.
|